Un novo curso en marcha. Un lugar seguro
Benqueridas familias, benqueridos membros da comunidade educativo-pastoral e benqueridas persoas que vos asomedes a esta nosa páxina web,
O curso 2020-2021 xa está en marcha. O curso pasado tratamos de que todas e todos no noso colexio atoparades un lugar onde estar coma na casa, neste novo curso queremos iniciar unha andaina, unha nova aventura na que algo novo está a agromar.
Queremos que en nós agrome o mellor de cada un, o cariño e as gañas de colaborar con todas aquelas persoas que nos rodean.
Tamén queremos que agrome o respecto e a empatía polos demais, que saibamos ver a importancia de cada unha das persoas que nos rodean e nos decatemos de que xuntos somos máis fortes.
En definitiva, que agrome o sentido de pertenza a unha comunidade que necesita que uns nos apoiemos noutros, que todos somos fillos e fillas dun mesmo Pai que vivimos nun mesmo lugar, o noso planeta.
Por iso dende o noso centro pretendemos plantar nos corazóns a longo deste curso diferentes gromos:
Gromos de brazos abertos, para acoller aos demais.
Gromos de mans abertas, para axudar a todo o que o precise.
Gromos de palabras amables, para que todo o mundo se sinta querido.
En definitiva, converter o nos centro nun fermoso xardín que mostre o mellor de cada un de nós e todas aquelas cousas que podemos acadar se colaboramos e nos axudamos uns aos outros.
FELIZ CURSO 2020-21!